CAST | GAL

Décimo oitava edición (2014-2015)

Os patios escolares transfórmanse en hortos Voz Natura

 
Os comedores escolares dos centros Voz Natura son este curso máis sans, ecolóxicos e didácticos que nunca. O motivo: os proxectos ambientais que están a desenvolver miles de nenos e que inclúen, na maioría dos casos, a creación e mantemento de hortos no propio recinto escolar. Do patio ao prato directamente e co aliciente de ser colleita propia.

O programa da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre seleccionou o tema dos hortos como eixo central deste curso co obxectivo de achegar aos máis pequenos á agricultura ecolóxica como un medio para pór en valor a súa contorna e mellorar a súa calidade ambiental, á vez que se fomenta a alimentación sa.

Por toda Galicia, colexios e institutos cultivan hortos que nada teñen que envexar aos profesionais pero algúns van un paso máis aló. É o caso da Fundación Educativa Torre de Lemos, de Monforte, onde ademais do horto, producen abono vexetal a partir de ortigas e viño ecolóxico. Sen saír da provincia, o Seminario Diocesano non se conforma cos mil metros cadrados de horto dos que xa dispoñen e este curso proponse amplialo e seguir doando a súa produción a Cáritas. Outro exemplo de empeño lucense é o CPR Cervantes que poderá dispor do seu propio horto urbano tras a cesión dun terreo próximo ao centro por parte dun particular .

O colexio Eduardo Pondal, de Cangas, é un exemplo de proxecto multidisciplinar no que crearon unha pequena biocenosis ao redor do horto. Dispoñen de sementeiros, invernadoiro, compostero, unha charca e, incluso, un muíño ecolóxico.

Pola súa banda, o CEIP de Bandeira, en Silleda, estréase este ano en Voz Natura cun traballo que serviu para recuperar un terreo abandonado no recinto escolar. A eira da antiga casa do conserxe está agora tomada polos bancales de cultivos de forma que as aulas rodean ao horto.