CAST | GAL

Décimo oitava edición (2014-2015)

Voz Natura métese nas axendas da ESO e Bacharelato

 
Coidar unha horta escolar é unha actividade apropiada para calquera idade. Pero aproveitar a horta como práctica para a creación dun plan de negocio é ir un paso máis aló. Ese valor engadido para os proxectos, a maior complexidade e especialización, é a característica principal das actuacións Voz Natura desenvolvidas polos estudantes de secundaria e bacharelato: preto de 7.000, en 25 intitutos e 31 colexios.
 
Os 37 alumnos do bacharelato do IES Arcebispo Xelmírez I, de Santiago, son os que están enfrascados na elaboración dun plan empresarial para o seu horto ecolóxico. O obxectivo do proxecto é que o alumno, a través da preparación e explotación dunha horta, experimente o que significa emprender. Desde a iniciativa da posta en marcha da idea ou a planificación dos labores de sementado, do coidado e recollida, pasando pola análise do mercado e as alternativas de comercialización do produto.

En Meaño (Pontevedra), o instituto local desenvolve este ano no proxecto Cultura friki. Ao tratarse dun centro situado nunha zona rural onde a maior parte dos alumnos dispoñen de horto nas súas casas, a coordinadora do traballo, Ángela López, buscou unha orixinal forma de motivar aos seus estudantes: realizando cultivos ecolóxicos pero con sementes pouco habituais ou que lles resulten sorprendentes como patacas azuis, estevia ou cacahuete.

Moitos son os centros que se aproveitan para coidar os ecosistemas da súa contorna a través de Voz Natura: o IES Alfoz-Valadouro coida o río Ouro; o IES María Casares, de Oleiros, traballa no monumento natural Costa de Dexo-Serantes; e o IES Fragas do Eume estréase en Voz Natura estudando o parque natural da súa zona.

A reciclaxe -tema predilecto para os benxamíns de Voz Natura- tamén chega ás aulas de secundaria e bacharelato. Nin adornos de Nadal, nin disfraces de entroido. Os alumnos do IES San Tomé de Freixeiro, de Vigo, apuntaranse este curso a darlle unha segunda vida aos residuos cos que construirán nada menos que as máquinas de Leonardo da Vinci.