Voz Natura apela ao consumo responsable no Día Mundial da auga
"Se auga queres aforrar dúas botellas de auga na cisterna deixarás" ou "os dentes cepillarás cun vaso nada máis" son algúns dos consellos que ofrecen hoxe os alumnos e profesores do centro Voz Natura CRA Mestre Clara Torres de Caldelas para celebrar o Día Mundial da auga.
Con esas curiosas recomendacións este Centro Rural Agrupado elaborou un decálogo sobre o consumo responsable da auga para repartir entre os seus veciños. Xa o pasado xoves decidiron comezar con esta campaña de concienciación en Tui. Elixiron o día de mercado para asegurarse a asistencia do público e en pleno centro do concello colocaron un posto no que estes alumnos de infantil comezaron a repartir aos viandantes dípticos co decálogo que eles mesmos redactaran.
Pero non foi a única actividade desta campaña: dous pósteres xigantes con forma de pinga de auga nos que deixar consellos sobre consumo responsable, xogos para animar á xente a fotografar os "lugares de auga" emblemáticos da súa aldea, adaptacións de cancións nas que "Lela, Leliña, Lela" é unha pinga de auga... constituíron todo un malgaste de creatividade co que o Mestre Clara Torres continuará transmitindo a importancia deste recurso ao longo desta semana.
Pero concienciar sobre a necesidade de establecer un consumo responsable de auga en lugares como Galicia, onde nunca houbo escaseza, non sempre resulta sinxelo. Isto é o que comenta a coordinadora de Voz Natura do CPR Cemar, Marta Marcote: "Aquí nunca hai recortes de auga, os rapaces non viven ese tipo de faltas así que non se terminan de crer que faga falta aforrar". Este é un dos motivos polos que o centro pontevedrés Cemar decidiu mostrarlles aos seus alumnos outra realidade. "Intentamos ensinarlles que en Galicia non é tanto un problema de falta de auga como de calidade", comenta a coordinadora, quen trata de transmitir aos seus alumnos a dificultade e o elevado custo que supón depurar toda a auga que se malgasta. Con accións como visitar depuradoras para comprender o complicado proceso de purificación, facer limpezas nas marxes dos ríos e realizar controis de calidade para observar os niveis de contaminación de diferentes augas, e co esforzo e insistencia dos profesores, os alumnos conseguiron convencerse da necesidade de non malgastar este recurso natural, a pesar de que en Galicia a choiva regálenola a mares.
Conmemoración día da árbore
Para festexar o día da árbore, que se conmemorou onte, Voz Natura xunto con Begano Coca-Cola, organizará o vindeiro xoves día 25 unha plantación nos montes de Toén (Ourense). Máis de 200 árbores autóctonas serán plantados polos alumnos do colexio Maristas. Medio Rural colaborará proporcionando as árbores e o material técnico así como persoal especializado para asesorar aos mozos sobre como reforestar.