CAST | GAL

Vixésimo sétima edición (2023-2024)

Os produtos de outono chegan ás aulas 

 
Chove. Vaia se chove! Pero iso non quere dicir que haxa que meterse en casa ou na aula e non saír ata primavera. Sábeno ben numerosos centros e asociacións que participan en Voz Natura este curso: outono é unha excelente estación para desenvolver actividades ambientais.

Profesores e alumnos realizan saídas de campo para recoller follas, landras, castañas, piñas, etc. para utilizar na aula como material didáctico e aprender que nos ofrece a natureza nesta época do ano ou recoller sementes e froitos dos bosques para realizar viveiros de árbores para a súa plantación na primavera. Tamén se traballa nos hortos escolares onde se termina a recollida de produtos plantados no verán e comezan as plantacións propias do outono.  

O certo é que este ano se respira maior sensibilidade para coñecer, investigar e protexer tamén os distintos cogomelos autóctonos e os seus ecosistemas, non en balde a temática desta 27 edición céntrase na fauna e a flora de Galicia. E resulta que na delegación de Ourense de La Voz de Galicia  traballa un dos grandes expertos do país, Alejandro Mínguez, con nada menos que catorce libros publicados sobre cogomelos.

E Alejandro Mínguez goza coa divulgación. Xa ten unha consolidada relación con centros de Xunqueira de Ambía e de Celanova -aos cales volverá este mes da man de Voz Natura. «Doulles unha formación científica básica, adaptada ás súas idades porque mesmo teño a nenos de tres anos», di.

O seu pai, técnico rural, foi un recoñecido pioneiro neste terreo. «O que quero é que valoren o traballo que fai o cogomelo, que descompón restos orgánicos», engade, tras contar anécdotas como que nas saídas ao campo hai nenos de pouca idade que queren coller todas as que teñen #ante a vista.

Non é esa a única actividade propia deste tempo, e demóstrao Lucía Blasch na EEI de Burela: «Convertemos en recursos os produtos de outono», e coa axuda da familias, que facilitan froitos propios da tempada, organizaron unha exposición, á que hai que sumar outra de cabazas. O centenar de alumnos do centro están, segundo a profesora, «moi contentos e participan moito».

E, aínda que o Samaín ou Halloween xa queda atrás, é de xustiza facer unha mención ao festexo especial organizado pola sempre activa profesora Inés Castro no CEIP Santa Rita, de Galdo (Viveiro). E é que se dedicou en exclusiva á fauna e flora, con decoración con elementos da natureza e de hortos. Ou sexa, en honra á temática da actual edición de Voz Natura. 

E que tal saíu? Inés Castro resúmeo cunha risa que denota felicidade: «Había bicherío por todas partes, aquí as familias dos 159 alumnos o curraron moito!».