CAST | GAL

Vixésimo sétima edición (2023-2024)

Celebramos o Día Mundial da Alimentación

 
É terriblemente curioso: mentres moitos pasan fame neste planeta, a outros lles sobra comida no prato ou podrecen as froitas no cesto. Así que toca falar do desperdicio alimentario e do seu impacto negativo económico, social e ambiental. É moi necesario reflexionar sobre que é alimentación saudable e que é consumo sostible.

Sábeo ben o profesor Javier Pérez Gallego, do CEIP Padre Crespo, na ourensá localidade de Xunqueira de Ambía, e o seu traballo conforma un excelente exemplo de como con pequenas e constantes accións locais é posible achegar un enorme granito de area para ir cambiando o mundo desde agora mesmo.

Xavi Pérez, como o coñece alí todo o mundo, fomenta entre os alumnos a alimentación saudable, e no centro os menús do comedor escolar elabóranse con produtos ecolóxicos do seu horto e invernadoiro, un invernadoiro que ademais foi construído cun material reciclado moi peculiar que inclúe non só vidro senón tamén porterías de fútbol.

Tamén, no CPR Montesol de Vigo están centrados en fomentar o consumo responsable e a alimentación saudable. Investigarán ao longo do curso e poñerán en práctica técnicas de conservación  dos alimentos. Tamén realizarán actividades relacionadas coa  agricultura ecolóxica, analizarán os recursos renovables e non renovables e o esgotamento dos mesmos. 

No caso do CEIP Mallón (Nigrán. Pontevedra), levarán a cabo actividades de conservación dos excedentes da horta, realizarán compostaxe, aprenderán os usos das plantas aromáticas e medicinais e crearán un banco de sementes (extracción, almacenamento e clasificación das sementes dos cultivos de verán).

Outro exemplo é o CEIP A Doblada de Vigo. Levan desde o 2017 concienciando ao seu alumnado, desde educación infantil, para que valore a natureza como fonte de vida e saúde. Fomentan a  alimentación saudable e ecolóxica no comedor escolar e o control do consumo de alimentos.

No CDR O Viso de Xinzo de Limia (Ourense) potencian o consumo de alimentos de proximidade e de tempada  e promocionan a conservación da contorna rural e a gandería de razas autóctonas. Desta maneira fomentan a reflexión consciente da nosa pegada ecolóxica e como nosas accións, aínda que sexan pequenas, teñen un gran impacto no medio. 

A FAO (a organización da ONU que se centra na agricultura e na alimentación) avisa de que un terzo dos alimentos producidos ou se perde ou simplemente desperdíciase. Algo intolerable e do que día a día toman conciencia os miles de alumnos que participan en Voz Natura.