CAST | GAL

Vixésimo sétima edición (2023-2024)

O gañador da 26.ª edición Voz Natura defende a fauna de Arzúa

 
Xa queda atrás a primeira semana, caótica no mellor dos sentidos. Todos os centros educativos viviron uns días de non parar, cos alumnos e profesores novos situándose territorial e horariamente nese hábitat que é o colexio ou o instituto e no que van pasar dez meses. Tamén estivo arriba e abaixo, multiplicándose, Carlos Iglesias Ramos, docente no IES de Arzúa, novo e ao mesmo tempo veterano.

Carlos Iglesias afronta o curso cun reto especial por diante e co sorriso nos beizos. E é que no finalizado —e case esquecido!— 2022-23 gañou o premio Galicia de Voz Natura (cinco mil euros patrocinados por Sogama e a Consellería de Medio Ambiente), un programa de La Voz de Galicia desenvolto pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e que conta co patrocinio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, O Corte Inglés, a Fundación Ramón Areces e Inditex.

Antes de entrar en conversación, Iglesias Ramos quere que conste o seu agradecemento «a Ester e Alejandra, de Axuda en Acción ,porque deron un pulo distinto á nosa formación e ás vidas do noso alumnado». E logo fala do futuro que xa está aquí: «No IES de Arzúa levamos anos comprometidos co medio ambiente e con actividades relacionadas con el, e nesta edición de Voz Natura, que xa é o número 27, participaremos e desenvolveremos accións encamiñadas e relacionadas directamente coa súa temática». Esta temática é, para dicilo cunha soa frase, coñecemento e protección da fauna e flora autóctonas.

Cando se lle pide que explique en que accións está a pensar, fai un repaso: «Pois repoboacións con especies autóctonas creando masas irregulares de frondosas autóctonas, fomentaremos as actividades medioambientais na contorna, avalorando a paisaxe, o patrimonio do concello de Arzúa e as especies presentes, tanto animais coma vexetais». E engade: «Coñecemos e seguimos as accións de protección ambiental que se levan a cabo noutros países, porque poden servir de guía para facer actividades intercomunitarias, mediante o noso Proxecto Erasmus+».

O profesor Iglesias Ramos, que nun momento da charla colle aire e recoñece que leva uns días moi axitados no seu instituto («Como todos»), déixase unha noticia para o final: «Non quedaremos só non que dixen, senón que a produción de animais autóctonos tamén será crave na realización de actividades. Isto só é o principio de moitas máis accións a levar a cabo non noso IES». A pregunta é obrigada: a que se refire? «*Á galiña de Mos e outras aves».