CAST
|
GAL

Vigésimo séptima edición (2023-2024)

Ciencia que impulsa o coñecemento

 
Ciencia e medioambiente será o dobre eixo sobre o que pivoten todas as accións da seguinte edición de Voz Natura, a do curso 2024-2025. Pero non están a facer nada nese terreo os centros que participan en Voz Natura? 

Resposta: si. Sinxelamente. Acción e concienciación é algo esencial en Voz Natura, e o que sucederá o próximo curso é que se reforzará. Sábeo ben Quique Fernández, profesor do CPR María Auxiliadora, de Ourense, centro que no que vai de curso xa organizou seis Xornadas Conciencia. «As dúas primeiras tiñan como principal obxectivo animar ao alumnado de primeiro de Bacharelato coas presentacións para o V Congreso de Mozos Expertos, celebrado en Ponferrada o 16 deste mes».

Sen saír de Ourense, hoxe mesmo os alumnos do San José-Josefinas celebran unha nova edición da súa Expociencia GO!sefinas, nunha xornada de portas abertas na que eles se converten nos verdadeiros protagonistas e os profesores, en simples acompañantes.

Carlos Freire, profesor nas josefinas, fai mención a que esta xornada «serviralles de preparación a tres grupos, formados por dez alumnos de segundo e terceiro da ESO, que foron seleccionados para participar na XXV Exporecerca Jove, en Barcelona, entre o 6 e o 9 do mes que vén». Os seus proxectos: a influencia do cambio climático na calidade das augas dos mananciais da cidade de Ourense, a cata mediante fenómenos fisioquímicos dos viños para diferenciar viños caseiros e comerciais, e a aplicación do propóleo das abellas como conservante alimenticio e os seus beneficios para a saúde. Tras iso, ninguén pode negar que hai nivel. E moi alto.

Non son os únicos, en absoluto. Confírmao desde o CPI Uxío Novoneira, que abre as súas portas en Pedrafita do Cebreiro e que desenvolven a idea «Con-ciencia dos nosos soutos». O profesor Gabriel Dasilva explica que «un dous proxectos consiste en analizar a biodiversidade presente nun souto nun piñeiral de plantación». E para iso os alumnos de primeiro de ESO estiveron colocando cámaras de fototrampeo.

Os resultados? Gabriel Dasilva reflexiona ao mesmo tempo que lanza preguntas: «Logo dunha primeira revisión xa vimos algún raposo, xabarín, corzo... Conseguiremos gravar un oso ou un lobo? Onde hai máis biodiversidade? Seguiremos revisando estes meses!».

E mentres, no San José-Josefinas, seguen adiante con demostracións de física, química, matemáticas, bioloxías… para os seus propios compañeiros.

E como xa sabedes, o prazo de inscrición para participar o próximo curso en Voz Natura segue aberto ata o 15 de marzo. 

Esperamos as vosas propostas de protección ambiental!