CAST
|
GAL

Vigésimo séptima edición (2023-2024)

O comité científico de Voz Natura visita os centros educativos que participan na 27.ª edición

 
Axudar, asesorar e compartir experiencias cos coordinadores dos traballos de acción e concienciación ambiental. Esas son as funcións principais dos membros do comité científico de Voz Natura. E a elas hai que sumar dous máis: unha, que desenvolven agora mesmo; outra (e dobre!), que acometen a finais de curso.

A primeira consiste en coñecer in situ os lugares de actuación. A acción directa é o compoñente fundamental do ADN, e iso hai que respiralo, hai que ir aos centros, hai que saír e ver e analizar e dar a opinión que proceda. Quen sae, e moito, é o portavoz do comité científico, o xa moi popular Alejandro Díaz, de quen con certa cariñosa retranca dixeron nalgún colexio que ten o don da ubicuidade, porque tanto está nun punto de Galicia como ás poucas horas no outro lado da xeografía da comunidade.

E a segunda, e dobre, valorar na primavera o traballo feito e analizar as peticións para o curso seguinte. «O comité está en roteiro por toda Galicia —di Alejandro Díaz— e todos os centros participantes recibirán a súa visita». Sen présa e sen pausa, a previsión é pasar por todos os das provincias de Ourense e Lugo antes de que remate o mes de novembro. Todo un desafío.

E que se atopa? Segue falando Alejandro Díaz: «Como sempre, proxectos multidisciplinares, que en cada vez máis ocasións forman parte do proxecto curricular do centro ou dispoñen de horas de dedicación exclusiva a través dun proxecto competencial».

Más difícil resúltalle destacar un colexio sobre outros, pero ao fin destaca dous: o ourensán CRA de Monterrei («Sempre disposto a utilizar os recursos naturais ao seu ao redor para aprender») e o lucense CPR San Lorenzo («Especialmente destacable é o seu estudo sobre o cambio climático nas principais cidades galegas, utilizando os datos climáticos históricos»).

Pero procede presentar a todos os membros do Comité Científico do programa, porque, aínda que xa son coñecidos pola gran maioría dos centros, hai participantes novos este ano entre os 373 que participan en Voz Natura. Así que aí están Ramón Núñez (na Coruña todo o mundo sabe quen é Moncho Núñez, un personaxe moi querido e a alma máter dos museos científicos locais), José Antonio Díaz, Antonio Prunell, Marcos Pérez, Marisa Castro e Elvira Sauquillo, ademais do citado Alejandro Díaz.