CAST | GAL

Vixésimo sexta edición (2022-2023)

O colexio A nosa Señora do Carmen afianza o coidado do paraíso fisterrán

 
O colexio A nosa Señora do Carmen de Fisterra é un dos máis veteranos colaboradores do programa Voz Natura, impulsado desde a Fundación Fernández-Latorre e con 26 anos de traxectoria. O 25.º aniversario celebrouse no 2022 e, na conmemoración, realizouse unha parada precisamente en Fisterra con alumnado e profesorado deste centro. Entón, a docente Julia Insua pronunciaba estas palabras: «Ao noso pobo chamámoslle Fisterra e temos que loitar para que siga sendo ese paraíso».

A Voz Natura definiuno como un faro para non perderse na inmensidade dunha sociedade consumista, en prol dun novo rumbo para a terra, dun futuro polo que eles mesmos viñeron traballando nos últimos días.

Así, o colexio fisterrán celebrou a súa Semana Cultural e, entre as actividades, un oco importante para as iniciativas de acción e concienciación ambiental de mans de Voz Natura: limpeza de residuos nas praias de Corbeiro e Mar de Fóra; aprendizaxe sobre a protección do monte e reforestación de 70 castiñeiros; protección de aves e colocación de caixas niño; reutilización de materiais (construción de xogos con material reciclado, nova vida ás botellas de plástico e mesmo creación de obxectos de arte); limpezas no patio e a contorna, etc.

Unha programación e actividade con soleira na que participou todo o alumnado e o profesorado e na que colaboraron axentes ambientais da Xunta de Galicia. ¡Xestos sinxelos ante a inmensidade, si,... pero o mundo móvese a base de pequenas conciencias!