CAST | GAL

Vixésimo sexta edición (2022-2023)

Expociencia converteu o colexio San José de Ourense nun fervedoiro de ideas

 
Expociencia, que tivo lugar a semana pasada, foi un éxito. Para ser máis exactos, un éxito previsto, porque o traballo de Carlos Pérez no colexio San José de Ourense (as populares Josefinas, cuxo «berro de guerra» é Go!sefinas) fora constante e metódico. O centro é toda unha referencia nese campo co seu proxecto Formando científicos hoxe para un futuro mellor, que coordina o mencionado profesor.

En Expociencia participaron todos. Os máis pequenos presentaron o seu horto urbano («No que levan traballando todo o curso», en palabras de Carlos Pérez) mentres os de Primaria facían o propio cun proxecto de algo que hoxe en día é tan sinxelo como fundamental: a investigación da importancia de lavarse as mans.

E como? O profesor explícao: «Empregaron rebanadas de pan que manosearon coas mans lavadas, outras coas mans desinfectadas e outras coas mans sen lavar pero despois de pasala por teclados de computadores, mesas, pasamanos…». Fácil, ocurrente, pedagóxico e de gran importancia neste tempo histórico en que atacan novos virus.

Secundaria converteuse nun fervedoiro de ideas, unha demostración palpable da utilidade da ciencia, e tamén da diversión que encerra!. Porque algunhas iniciativas das Josefinas fan abrir a boca. Por exemplo, fíxose unha demostración de física e química sobre os ensaios á chama, e como grazas a eles descubríronse os fogos artificiais de cores. A aqueles que pensen que iso é unha irrelevancia contéstalles Carlos Pérez: «Que sería das verbenas coa Panorama e a París de Noia sen Kirchhoff, o descubridor deste fenómeno!».

Pero a ciencia non é algo illado, e a súa interrelación co resto das disciplinas non só resulta evidente senón que sen elas carece de sentido. Por iso non sorprendeu a ninguén que se sumase o departamento de Lingua do centro, que expuxo un proxecto sobre O Principiño lido en varias linguas diferentes por alumnos, profesores, familiares e ata amigos.

E todo iso só foi o prólogo, porque inmediatamente un grupo de alumnos marchou a participar na XXIV Exporecerca Jove, en Barcelona, unha das maiores feiras internacionais en España centrada nas ciencias. Alá están, falando do seu «heliseeding» (bombas de sementes) para repoboación de bosques queimados e presentando un traballo sobre elaboración de repelentes ecolóxicos.