CAST | GAL

Vixésimo sexta edición (2022-2023)

O Día Mundial da Educación Ambiental impulsa decenas de traballos nos colexios de Voz Natura

 
O calendario xa case marca febreiro. Van fóra tres semanas do ano recentemente comezado. Sábeno ben os colexios de Voz Natura porque todos desenvolven actividades relacionadas co coidado da natureza e o 26 —é dicir, este xoves— o mundo enteiro celebra o Día Mundial da Educación Ambiental.

Na Rede de EEI Cativos non o ignoran, por suposto, xa que a súa actividade principal desde principios de curso é «poñer en marcha o proxecto ambiental involucrando a toda a comunidade educativa, e subliño o de “toda”», en palabras de María García, directora educativa e pedagóxica.

No IES Pedro Floriani, de Redondela, están a desenvolver Ecoflorianis, que permite investigar e reducir a pegada ecolóxica. «O alumnado de primeiro da ESO leva a cabo distintas actividades de educación ambiental», di o profesor Eduardo González.

E á pregunta de cales son, especifica: «A construción dun depósito de auga de chuvia de 2 000 litros (coa axuda do alumnado de ciclos formativos) para poder regar a horta de agricultura ecolóxica no verán, a reciclaxe e compostaxe de diversos residuos orgánicos (restos de verduras, froitas, cafetería, podas dos xardíns), a preparación dun viveiro forestal con envases reutilizados, a instalación e xestión de contedores de recollida selectiva nas aulas e outras actividades destinadas a concienciar sobre a necesidade de reducir a pegada ecolóxica na actividade escolar».

Inés Castro, do CEIP Santa Rita, de Viveiro, é outra profesora que o ten moi claro: «Por un lado, non queremos deixar de lado todo aquilo que supoña o contacto directo do noso alumnado coa terra, dándolle a oportunidade de que poida cultivar coas súas mans verduras e hortalizas, axudándolle a coidalas e a respectar os tempos que a Natureza nos vai ditando. Pero polo outro tentamos ir máis alá, procuramos que aprendan a coidar e querer a contorna na que viven, traballando a concienciación e incidindo de maneira directa con recollidas do lixo que, desafortunadamente, forma parte da paisaxe».

Pola súa banda, María José Silva, do CRA Amencer de Ribadavia (tres escolas) relaciona multitude de actividades que están a levar a cabo e detense en que «xa que a comezos de curso tivemos unha emerxencia climática pola seca, cando empezou a chover decidimos aproveitar ao máximo posible a auga, polo que mercamos uns depósitos para recoller a de chuvia e reutilizala para regar os nosos cultivos». Implicados? Segundo a profesora, todos: os alumnos, pero tamén os pais envorcáronse.

María García remata falando de algo fundamental: a metodoloxía, porque facer por facer pode non levar a ningunha parte se non existe un método. No caso da Rede Cativos, téñeno: «Baseámosnos na manipulación, observación e experimentación dá realidade».

Voz Natura é unha iniciativa de La Voz de Galicia e a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, e que conta co apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, El Corte Inglés, a Fundación Ramón Areces e Inditex.