CAST | GAL

Vixésimo sexta edición (2022-2023)

Escolares de Voz Natura visten de Nadal o hospital de Ourense

 
Eran as dez da mañá cando un grupo de preto de setenta alumnos de 5.º de educación primaria e da aula de educación especial do colexio Santa Teresa de Jesús de Ourense saían do centro e poñíanse en camiño cunha misión: alegrar a estancia dos pequenos que durante estes días teñen que estar ingresados no edificio materno infantil do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). Conscientes de que o contacto é imposible por seguridade tanto dos que están malitos como deles mesmos, os escolares decidiron mostrarlles a súa solidariedade aproveitando o aprendido en Ecovedruna. Así bautizaron o proxecto co que este centro educativo ourensán participa no programa Voz Natura, o plan de formación ambiental de La Voz de Galicia que desenvolve a Fundación Santiago Rey Fernández Latorre co patrocinio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, O Corte Inglés, a Fundación Ramón Areces e Inditex.

No caso deste colexio da capital ourensá, son 1.068 alumnos, desde infantil a bacharelato, os que participan nun proxecto multidisciplinar que traballa diversos aspectos asociándoos a materias curriculares dependendo da súa idade.

Os máis pequenos cultivan o seu propio horto e desenvolven un plan de separación de residuos, e segundo van avanzando en idade, os traballos diversifícanse. O cambio climático, o consumo responsable, a limpeza de contornas naturais ou a reciclaxe forman parte do plan.

No caso dos alumnos que decidiron adornar a área infantil do hospital aproveitaron o traballo en reciclaxe. «Desenvolvemos o programa Pasaporte Solidario no que os escolares de quinto e sexto realizan actividades de voluntariado ben sexa para axudar ao colexio, á cidade ou a países pobres. Esta idea de alegrarlle o Nadal a outros nenos que pasan estes días ingresados pareceunos unha forma moi bonita de unir esa solidariedade co traballo que estamos a facer con Voz Natura», explica a profesora Laura Valcárcel.

Nas últimas semanas elaboraron obxectos que servisen de decoración do Nadal. «Estabamos a traballar a concienciación sobre o consumo responsable e queriamos que visen que nesta época pódense facer cousas superchulas aproveitando o que temos», comenta Valcárcel. Briks de leite, xornais vellos, folios usados, cartóns e pinturas verdes e douradas foron a materia prima da que saíron lazos, adornos e tres árbores #do Nadal.

«Inicialmente non pensabamos facer tantos, pero unha enfermeira comentounos que este ano, como hai moitos ingresos por patoloxías respiratorias, abriron camas tamén na cuarta planta, así que decidimos que cubrir máis espazos», matiza a coordinadora.