A Garda Civil e Voz Natura alíanse contra os incendios
Como primeira acción do curso dedicado á protección dos montes e ás reforestacións, Voz Natura e a Garda Civil pon en marcha un ciclo de accións formativas nos colexios e institutos participantes no noso programa. Grazas a este acordo, axentes do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil visitarán os centros para falar cos alumnos sobre os incendios forestais, explicándolles como traballan e ofrecéndolles consellos e suxestións para previr os lumes forestais.
As actividades adaptaranse a calquera nivel educativo —os grupos formaranse en función das idades— e impartiranse durante todo o curso 2011-2012. Cada charla durará aproximadamente cincuenta minutos.
Os centros educativos que desexen solicitar as charlas deben descargar ESTE FORMULARIO, cubrilo e envialo á dirección de correo electrónico que figura no mesmo, segundo a provincia á que pertenzan.
Unha vez recibidas as solicitudes, a Garda Civil contactará cos centros para confirmar os encontros.
Un plan global con nenos e novos
Elena Moya, sarxento primeiro da oficina técnica do Seprona na Coruña, será a responsable de impartir as charlas. Asegura que os encontros servirán para «complementar a educación ambiental desde a perspectiva dos profesionais que traballan en prevención» co obxectivo de «inculcar ao pequeno cidadán ese respecto e normas de convivencia que hai que manter polo ben de todos».
O ciclo de charlas que desenvolverán este curso Voz Natura e o Seprona enmárcase nunha plan máis amplo grazas ao cal a Garda Civil leva varios anos traballando nos centros educativos. A través do II Plan Director para a Mellora da Convivencia e da Seguridade Escolar, os axentes visitan colexios e institutos para falar coa os alumnos de cuestións tan relevantes para eles como o acoso escolar, as bandas xuvenís, os riscos de Internet, as drogas e o alcol ou a violencia de xénero, entre outras temáticas.