CAST
|
GAL

Decimoctava edición (2014-2015)

Preto de 5.000 alumnos lucenses coidan o medio con Naturacción

 
 Por segundo ano consecutivo, miles de escolares do norte e centro da provincia de Lugo están a participar en Naturacción, un subprograma de Voz Natura patrocinado pola Fundación Alcoa co respaldo de Alcoa San Ciprián e a colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

 
Este curso 2014-2015, a iniciativa engloba a un total de 37 colexios e institutos, con 4.890 nenos e novos e 330 profesores, o que supón un incremento respecto da primeira edición cando estaban involucrados 29 centros, con 4.066 estudantes e 291 docentes.
 
Todos estes centros —colexios de educación infantil e primaria, secundaria e institutos— están a desenvolver proxectos ambientais moi diverso pero cun obxectivo común: protexer os ecosistemas da Mariña lucense e a súa contorna. Por iso, o radio de acción dos traballos é moi amplo o que se traduce en que as reforestacións, limpezas de espazos degradados, coidado de praias e ecosistemas fluviais e outras actividades que están a desenvolver xeran beneficios inmediatos e tanxibles sobre numerosas comunidades locais e miles de veciños.
 
Estas semanas, animados polo bo tempo, os equipos de Naturacción están en grao sumo activos e xa na recta final dos seus traballos que finalizarán en xuño.
 
Os centros Naturacción están pondo o seu gran de area para mellorar a contorna privilexiada no que se atopan. As praias da Mariña son escenario de diversas actuacións que consisten, fundamentalmente, en limpezas. É o caso dos alumnos do CEIP Gregorio Sanz, de Ribadeo, que se atopan inmersos no programa Coñece a costa, que inclúe tantas actividades de actuación directa no medio como outras de concienciación.
 
Tamén se ocupan das praias no CEIP San Cosme de Reinante, de Barreiros, e no IES Monte Castelo, de Burela, gañador provincial do curso pasado e onde este ano tamén coidan o seu horto e reciclan, entre outras actuacións.
 
Ademais dos areais, os montes tamén están moi presentes nos traballos escolares dalgúns centros Naturacción. Os escolares recuperan espazos degradados e plantan especies autóctonas.