CAST | GAL

Décimo novena edición (2015-2016)

Naturacción fomenta o respecto ao medio nos escolares lucenses

 
Un total de 37 centros educativos con máis de 5.000 alumnos e case 350 profesores son os protagonistas dunha nova edición de Naturacción, un subprograma de Voz Natura patrocinado pola Fundación Alcoa co respaldo de Alcoa San Ciprián e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os escolares desenvolven os seus proxectos na Mariña e a súa contorna, onde naceu Naturacción fai xa tres anos coa intención de atender as especificidades ambientais da zona e fomentar a concienciación entre os máis pequenos.

 
Escolares de infantil, primaria, secundaria e bacharelato protexen e recuperan os ecosistemas da Mariña con actuacións moi diversas: limpezas de praias e ríos, reforestacións, creación e mantemento de hortos ecolóxicos, reciclaxe e todo tipo de actividades para promover o respecto ao medio desde a escola.
 
Un bo exemplo do obxectivo e os resultados que se conseguen a través de Naturacción pódese ver no CEIP San Miguel de Reinante de Barreiros. O curso pasado foron os gañadores do premio Voz Natura provincia de Lugo co seu traballo «A maxia do horto». Este ano volven á carga cun proxecto no que o título xa é toda unha declaración de intencións: «Miña terriña, meu lar». Ao seu amplo programa de actividades sumaron este curso a protección dos ecosistemas autóctonos e a erradicación de especies invasoras na súa zona. 
 
No IES Vilar Ponte de Viveiro seguen esta liña e céntranse na ameaza que supón a produción madeireira de eucalipto a gran escala e os efectos que supón nos bosques da Mariña lucense. 
 
Ademais das comunidades educativas, Naturacción tamén chega ás familias e veciños dos centros escolares. Así sucede, por exemplo, en Barreiros, no CEIP San Cosme, onde foi tal a motivación da comunidade educativa que as familias se involucraron con gran entusiasmo nas tarefas de mantemento, sementa e coidado do horto e o invernadoiro creado na escola.