CAST | GAL

Décimo novena edición (2015-2016)

Voz Natura celebrará a súa gran festa fin de curso o 4 de xuño

 
Xa hai data. O sábado 4 de xuño é o día para sinalar na axenda. Miles de escolares de Galicia e as súas familias teñen unha cita ese día en Culleredo, no parque de Acea de Ama, para celebrar o fin de curso de Voz Natura. A Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre programou para esa xornada unha gran celebración con entrada libre para todas as persoas que desexen asistir, participen ou non o programa.

 
Trátase de despedir ao grande a 19.ª edición de Voz Natura na que están a participar 59.000 estudantes de 324 centros educativos e asociacións. Os seus proxectos de actuación ambiental entran estes días na súa última fase. Unha vez concluídos, chegará o momento de preparar a exposición que se instalará na festa e na que todo o mundo poderá ver de preto o impresionante traballo que cada curso executan profesores e alumnos.
 
Entrega de galardóns
O comité científico do programa tamén apura estes días as visitas aos centros para coñecer de primeira man os traballos. Das súas valoracións sairá o palmarés de premios do curso 2015-2016: o premio Galicia, os provinciais, o mellor proxecto infantil e a mellor exposición. A mediados de maio farase pública a súa decisión e os galardóns entregaranse no marco da festa do 4 de xuño.
 
Ademais de premios e exposicións, a festa incluirá numerosas actividades lúdicas e deportivas para diferentes idades. A participación en todas elas será completamente gratuíta. Volverán os inchables, os talleres, as actuacións... Múltiples propostas que nos próximos días iranse coñecendo a través desta web.
 
A festa arrincará ás 11.00 da mañá e prolongarase ata as 19.30 horas. Incluirá un amplo dispositivo para garantir a seguridade e regular o tráfico na zona.