CAST | GAL

Décimo novena edición (2015-2016)

A escola infantil Monte da Guía, premio ao mellor blog

 
QuéroT verde é o nome do caderno dixital que este curso se fai co premio da comunidade bloguera de Voz Natura. O xurado seleccionou o blogue da Escola Infantil Monte da Guía, de Vigo, como o máis completo desta 19.ª edición.
 
A profesora Chus Iglesias García é a responsable deste proxecto dixital convertido no mellor escaparate das moitas actuacións ambientais que realizan. «É unha fiestra que os pais valoran moito», destaca. Asegura, ademais, que en época de matrícula recibiron visitas de familias interesadas no proxecto docente do centro do que coñecían a vertente ambiental a través do blog. 
 
No seu fallo, o xurado de Voz Natura destaca a utilización de distintas aplicacións para a realización de vídeos e reportaxes fotográficas moi coidados e ordenar as publicacións; o uso de etiquetas para facilitar a procura de artigos relacionados, e a frecuencia das actualizacións (ata dous semanais).
 
O xurado seleccionou ademais os blogs do colexio Balmes, de Noia, e do CPR Compañía de María, de Vigo, como os dous finalistas desta edición.