CAST
|
GAL

Decimonovena edición (2015-2016)

O Seprona volve ás aulas para loitar contra os incendios

 
Un total de 30.000 alumnos de centros Voz Natura coñecen de primeira man o traballo do Seprona e as súas recomendacións para previr os incendios forestais. Son os participantes nos talleres que desde 2011 imparte a Garda Civil nos centros inscritos no programa. Agora, co arranque deste curso, ponse en marcha a quinta edición deste programa conxunto no marco do cal se impartiron xa 576 talleres diversos colexios e institutos de Galicia. 

O obxectivo das charlas —que se adaptan ás distintas idades e niveis educativos— é, en primeiro lugar, explicar aos alumnos que é a Garda Civil e o seu Servizo de Protección da Natureza e en que consiste o seu labor. A sarxento Elena Moya, unha das responsables de impartir as charlas, asegura que «lles explicamos como o facemos nós e como o poden facer eles, con casos prácticos para que se sintan implicados e se pregunten ¿que podo facer eu na protección ambiental?». 
 
Aínda que nalgunhas ocasións poden abordar outras problemáticas como a xestión das augas ou os residuos, o tema central das xornadas é a loita contra os lumes forestais. Os axentes explican aos alumnos como previlos e que condutas responsables poden adoptar. «Explicámoslles que deben facer e como actuar ante un incendio e tamén que é o que non hai que facer nunca», resume Elena Moya. 
 
Os talleres teñen unha duración aproximada dunha hora e son completamente gratuítos. Trátase de actividades participativas nas que os alumnos expoñen as súas preguntas aos axentes e interactúan con eles.
 
Solicitudes
Os centros Voz Natura que queiran recibir a visita dos axentes do Seprona poden solicitalo xa. Para iso, deben descargar ESTE FORMULARIO que deben completar e enviar á dirección de correo electrónico que figura no mesmo, segundo a provincia á que pertenzan. Unha vez recibidas as solicitudes, a Garda Civil porase en contacto cos colexios ou institutos para confirmar as visitas e pechar as datas.
 
Os centros poden solicitar máis dunha charla e para todos os niveis educativos, incluso para os máis pequenos de educación infantil.