CAST | GAL

ACTUALIDADE

Volver

 

O CEIP de Cervo gaña o premio Voz Natura á Mellor Comunicación


O curso chega ao seu fin, e con xuño chegan tamén os galardóns a colexios e entidades que participaron desde setembro do ano pasado en Voz Natura. Un deses premios, o de Mellor Comunicación, patrocinado por El Corte Inglés, foi parar ao CEIP de Cervo, que é, ademais, un «cole» Naturacción, un programa de Voz Natura patrocinado pola Fundación Alcoa co respaldo de Alcoa San Cripián e a colaboración da consellería de Educación. O xurado dixo alto e claro, e así se reflicte na acta, que a estratexia comunicativa de Cervo «logrou ser efectiva e sistemática durante todo o curso escolar».

A profesora María López, coordinadora de Voz Natura nese centro lucense, rebosante de felicidade («¡Estamos moi contentos!») cando se lle pregunta, relaciona as actividades que levaron a cabo dentro do seu proxecto «A nosa fauna e flora… namora»: «Creación do museo da fauna e flora de Galicia; manualidades trimestrais con material de refugallo para conmemorar diferentes festividades; campañas de limpeza nos patios do noso centro grazas ás brigadas verdes; limpeza de praias do noso concello (as de Rueta e Caosa); a elaboración de cadernos de campo sobre a nosa flora ou fauna; cultivo de produtos de tempada non invernadoiro;, e fabricación dun hotel de insectos…».

Por certo, que o xurado destacou moi positivamente que «amplificaron a súa mensaxe entre a comunidade escolar creando unha mascota (Ra Natura), encargada de trasladar as noticias Voz Natura».

E aínda que cumpriron con todos os ecorretos mensuais propostos, aínda lles deben de quedar forzas. En efecto, ao longo deste mes van desenvolver o que María López define como «as últimas tarefas, das que podemos destacar a limpeza do río Xunco, unha das accións máis agardadas polo alumnado do noso centro, e que terá lugar vos días 18 e 19, e, coma todos vos anos, contará coa colaboración do persoal do concello de Cervo». E é que sempre que as condicións meteorolóxicas o permitiron, as actividades tiveron e teñen lugar ao aire libre, algo que como adoita dicir Alejandro Díaz, o portavoz do comité científico do programa, «está no ADN de Voz Natura».