CAST | GAL

ACTUALIDADE

Volver

 

Tecnoloxía ao servizo da natureza


Proxecto: Protección da fauna. Ese é o resumo dunha proposta educativa que se centra no lagarteiro común, ave que controla as pragas de insectos de maneira moi eficaz («Tras analizar as bases desta convocatoria de Voz Natura acendéuselle a lámpada ao profesorado», deixan caer con certa retranca). E nese centro coruñés arrincaron con forza o día da Candelaria ou Candeloria (en galego) o pasado 2 deste mes «porque é, segundo a tradición, cando casan os paxariños», din desde o instituto.

E quen están á fronte dese proxecto? Pois á fronte están Isaac Valiña —profesor de Física e Química—, Alexia del Río —vicedirectora e profesora de Bioloxía e Xeoloxía— e Abel Crespo —profesor de Informática—. O primeiro explica: «Pensamos en facer unha retransmisión en directo da cría dunha ave moi especial para os nosos campos, o lagarteiro común, o Falco tinnunculus». Non estaban sós: asesoráronos desde a Casa Grande de Xanceda (a especie criaba alí), desde SEO BirdLife, o Grupo Naturalista Habitat e os anilladores de Phylloscopus.

E aí entra en acción Abel Crespo: baixo a súa dirección, os alumnos de segundo curso do ciclo medio de Informática puxéronse mans á obra para configurar e instalar unha webcam, en funcionamento a mediados de decembro, e o pasado 19 de xaneiro apareceu a parella, por primeira vez, estreando a caixa niño.

Así, alumnos e profesores observaron como o macho, antes de comezar a criar, ensináballe á femia lugares adecuados para que ela decidise a mellor localización («Un mundo fascinante!», apuntan desde o instituto).

E o futuro? Pois contestan a trío os profesores: «Estamos moi esperanzados en poder rexistrar o día a día dá cría do lagarteiro común, porque a gravación en continuo permitiranos obter información moi valiosa sobre as tarefas de coidado da súa familia por parte da nosa parella».

E remata Alexia del Río: «Poderemos ver de primeira man desde a posta do primeiro ovo ata o abandono final do niño unha vez rematada a tempada de cría». Por certo, todo iso retransmitido en directo a través da canle de Twitch iescurtis. Exemplar, sen dúbida.