CAST | GAL

ACTUALIDADE

Volver

 

O Muncyt coruñés abre de novo as portas a Voz Natura


Edición número 12 do acordo entre a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) co fin de promover visitas guiadas e talleres educativos no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (Muncyt) da Coruña.

E como? Pois ofrecendo actividades adaptadas aos distintos grupos de idade que reserven. Pero, de novo, como? A prosa ás veces resulta árida, pero moi útil: desde xa mesmo os centros poden solicitar esas visitas gratuítas enviando un correo electrónico a reservascor@muncyt.es ou no teléfono 689 578 727. levarán a cabo ata o próximo xuño de martes a venres, en varios horarios entre as 10 da mañá e as 5 da tarde. Están pensadas para grupos de ata cincuenta persoas e terán unha duración aproximada de hora e media. Por certo que o Muncyt dispón dunha zona para comidas que tamén é posible reservar.

Fernando Fontes Blanco, o director do Muncyt, móstrase moi ilusionado tanto cos talleres ofertados como co Xogo biomímesis, «que é un auténtico desafío Muncyt», interdisciplinar e que propugna a creación de solucións eficaces e sostibles incorporando o aprendido da natureza. E engade: «A nosa oferta é unha oferta consolidada, que mantemos ano tras ano, actualizando a información da exposición temporal e algúns detalles das idades dos participantes».

Por certo, que biomímesis vén de bio, «vida», e mimesis, «imitar» —tamén coñecida como biomimética ou biomimetismo— e é a ciencia que estuda á natureza como fonte de inspiración de tecnoloxías innovadoras. Todo un mundo por descubrir. En resumo, e sempre seguindo a Fernando Fontes, «son visitas guiadas, pero tamén xogos de pistas sobre a nosa colección, e desde logo adaptados aos distintos niveis educativos». E iso combínano con talleres «orientados á reflexión, experimentación e comprensión de fenómenos científicos que gardan relación coa colección do museo».

Para concretar máis, os talleres de Voz Natura identifícanse como Animalario biodiverso, pensado para infantil e 1º e 2º de primaria, Microalgas e bioluminiscencia, para o resto de primaria e 1º e 2º de secundaria e Xogo de pistas “Biomímesis. Tecnoloxía inspirada na naturaza” para 3º- 4º de  Secundaria, Bacharelato e FP. O director refírese a todos por igual, pero nótase que o mundo das algas apaixónalle.

E todo iso ao dispor dos centros e asociacións que participan en Voz Natura e que xa poden realizar os seus reservas.