CAST | GAL

ACTUALIDADE

Volver

 

Reciclar, o «ecorreto» de maio para os centros que participan en Voz Natura


Estamos en maio, e co mes, novo ecorreto: RetoReciclamos. E diso saben moito no CEIP Fondo Nois, que abre as súas portas no norte de Lugo. Explícao a súa profesora Ana Muíña: «Nós estamos a traballar conxuntamente coas familias en varias iniciativas promovidas por dúas oenegés, e neste senso solicitamos a súa colaboración para asinar unha petición en Retorna.org para a implantación dun sistema de depósito, devolución e retorno de envases». E é que aquilo que hai medio século non só non se coñecía senón que parecía unha utopía, hoxe é unha necesidade imperiosa posto que non hai planeta B.

Reciclar non é ou polo menos non ten que ser algo rutineiro e aburrido. Polo menos non no CEIP Plurilingüe de Rubiáns (Vilagarcía de Arousa), e a súa profesora Silvia Laíño déixao claro: «Os alumnos pásano ben elaborando os seus materiais e xogos de aprendizaxe con material de refugallo como cartón, plástico, tapóns, papel de xornal....».

Un pouco máis ao sur, en Vigo, no CEIP Pintor Laxeiro andan ás voltas coa construción dun cubo multisensorial realizado con materiais de refugallo. Unha auténtica e útil obra de arte que a directora do centro, Esther Fernándes, explica así: «A proposta de traballo articúlase con varias tarefas interniveis e multidisciplinares, e así dende a materia de Artes elaboraron a maqueta e a súa construción». E engade: «Coa impresora 3D o alumnado dos cursos máis altos reproduciu o traballo, e os máis cativos de primaria elaboraron as tiras multisensoriais de tacto e olor». Por se iso fose pouco, «non podía faltar a elaboración de instrumentos musicais con botellas para afinar o oído, e dende a biblioteca confeccionaron uns monicreques de sombras para activar o sentido visual».

Kechu Couso, desde Crea Natura-Santa Apolonia, en Santiago, refírese á construción dunha máquina recicladora de plástico e de carácter itinerante. «Queremos que interveña en todos os procesos de transformación do plástico: trituración, extrusión e modelamiento —detalla—. E é itinerante porque o desexo dos 200 alumnos que participan no proxecto é pór en marcha un sistema de préstamo entre centros Voz Natura».

E, para rematar, volve tomar a palabra Ana Muíña: «Tamén convidamos ás dúas ONGs coas que contactamos a asinar a petición de Greenpeace para eliminar os envases de plásticos nas froitas e verduras nos supermercados».

Ese é o camiño: reducir, reutilizar, reciclar. E niso afánanse os centros de Voz Natura, iniciativa de La Voz de Galicia e a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, e que conta co apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, El Corte Inglés, a Fundación Ramón Areces e Inditex.