CAST | GAL

ACTUALIDADE

Volver

 

Voz Natura triunfa en concienciación co seu «efecto arrastre»


As 29ª xornadas estatais do Fórum Europeo de Administradores da Educación, chamadas Aprendendo no camiño: sustentabilidade e formación no século XXI, que se celebran desde o xoves, acolleron este sábado unha presentación do programa de educacion ambiental Voz Natura.

No centro Ágora, na Coruña, a coordinadora deste programa educativo, Nazareth Díaz, e o portavoz do comité científico, Alejandro Díaz, fixeron un repaso polos 26 anos de compromiso e acción ambiental de Voz Natura.

«Naceu co obxectivo claro de inculcar a nenos e novos o amor pola natureza e de promover nos centros educativos a protección ambiental», detallou Nazareth Díaz, quen puxo en valor que o «efecto arrastre» cara a entidades locais e o resto da comunidade é brutal, pois «se hai 80.000 nenos implicados son 80.000 familias». Fixo fincapé na importancia de comunicar o seu labor nos medios.

Alejandro Díaz expuxo exemplos das múltiples accións que fan as escolas, como reforestación de bosques ou limpezas. Destacou o proxecto do IES Arcebispo Xelmírez de Santiago no que os mozos, xunto a un profesor de Economía, fixeron un horto para plantar hortalizas e crean unha empresa para tentar vender o seu produto. 

O programa Voz Natura, iniciativa creada por La Voz de Galicia e a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, conta co apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, El Corte Inglés, a Fundación Ramón Areces e Inditex.