VISITAS E TALLERES EDUCATIVOS NO MUNCYT
A Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), activan a 13.ª edición do acordo de visitas guiadas e talleres educativos ao Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (Muncyt) da Coruña ofrecendo actividades enfocadas ao coñecemento científico para protexer o medio ambiente e adaptadas aos distintos grupos de idade que realicen unha reserva.
EXPLORA, DESCOBRE, CREA
Na web do Museo pódese descargar un documento, en formato pdf, no que se presentan todas as actividades, temáticas (entre as que se atopa Voz Natura) e espazos ofertados para os diferentes grupos e niveis educativos no curso 2024-2025.
Talleres Voz Natura:
“Cadernos de Campo”. (Infantil – 1º- 2º Primaria)
Os participantes no taller coñecerán a grandes investigadoras de distintos ámbitos das Ciencias Naturais como a botánica, a zooloxía ou a xeoloxía. Realizarán observacións como as delas e elaborarán un caderno de campo colectivo. (Os cadernos de campo son unha das ferramentas esenciais do naturalista, tanto para investigadores profesionais como para lembrar o observado nun paseo. Son obxectos que condensan moita información e que se utilizan para fomentar vocacións entre os participantes).
“Mundo microscópico”. (3º- 6º Primaria)
Microscopios e lupas serán as ferramentas fundamentais para os participantes deste taller, que prepararán mostras, realizarán observacións e comunicarán os seus resultados ao resto de participantes. Coñecerán o funcionamento destas ferramentas fundamentais para a investigación científica e as características de diversas mostras de microorganismos, zooloxía ou bioloxía. Farase fincapé en relacionar as súas observacións co medio natural próximo, incentivando o seu coidado.
“O ciclo do nitróxeno”. (Secundaria)
Por medio de experimentos químicos, tratarase de comprender o ciclo do nitróxeno e a influencia dos organismos e os humanos no medio ambiente. O nitróxeno é un elemento crucial para o crecemento de plantas e algas, e obtense pola transformación que realizan os microorganismos do que excretan os animais. No taller responderanse preguntas como Que é o proceso de fixación do nitróxeno? Que sucede se hai unha achega en exceso de nutrientes en medios acuáticos? Afecta a actividade humana ao ciclo do nitróxeno?
“Xogo de Pistas”. (Bacharelato e FP) Os participantes coñecerán o instrumental de investigación científica e tecnoloxía relacionada que están expostos no museo. Percorrendo as distintas salas do museo, os participantes terán que localizar información relacionada co autoclave, o calorímetro, o acelerador de partículas, o alambique, a balanza, o barómetro de sifón, a máquina pneumática, o higroscopio, microscopios, máquinas de cálculo, tecnoloxía aplicada á medicina, aeronáutica ou aos alimentos, entre outras pezas relevantes.
Fai o teu reserva e goza da ciencia!
Todos aqueles centros interesados en sumarse ao programa de visitas gratuítas do MUNCYT poden solicitalo, desde agora, contactando co museo a través da dirección de correo electrónico reservascor@muncyt.es ou no teléfono 689 578 727 e especificando que participan na actual edición de Voz Natura.
As visitas pódense reservar, ata o próximo mes de xuño, de martes a venres en varios horarios (de 10:00 a 17:00 horas). Están deseñadas para grupos de ata cincuenta persoas e terán unha duración aproximada de hora e media. O Muncyt dispón dunha zona para comidas de grupos que tamén se pode reservar.
Durante as visitas, os grupos irán acompañados polos seus educadores e o equipo de divulgadores será o encargado de guialos por un percorrido no que irán descubrindo cada exposición a través dunha serie de actividades adaptados á temática elixida e ás distintas etapas educativas.